Conoce tu municipio con Cristina de Pizan

Coñece a túa vila con Cristina de Pizán: didáctica que reúne patrimonio, historia e igualdade

Hai un tempo lin a obra A cidade das mulleres, de Cristina de Pizán, un libro do século XV que me deixou totalmente fascinada. E aí quedara a cousa ata que, observando algunhas das miniaturas que ilustran a obra, descubrín o gran parecido dun dos meus traxes medievais e a vestimenta coa que ela se fixo retratar.

Eran xa demasiados os sinais que parecían dicirme algo… Así que a miña cabeciña púxose ela soa a traballar. Tras varios meses dedicando todas as miñas enerxías na procura de información, lecturas, formación específica e estimular a miña creatividade, conseguín realizar un proxecto didáctico no que a propia Cristina de Pizán poda compartir a súa historia, a súa obra e dar a coñecer o patrimonio do lugar que visita dando esa perspectiva de xénero que, aínda a dá de hoxe, segue ausente nalgúns discursos históricos.

Trátase de aproveitar a figura histórica desta muller, considerada a primeira escritora profesional da historia, para facer unha actividade didáctica que fomente o espírito crítico das nenas e os nenos. E, de paso, facer que coñezan o seu patrimonio máis próximo e a presenza feminina nos distintos espazos, así como o valor dos traballos e ocupacións que elas desenvolveron (e que en moitísimos casos foron invisibilizados ou pouco recoñecidos). Este é un dos xeitos de visualizar a miña aposta por introducir a perspectiva de xénero á hora de interpretar o noso legado: do contrario estaremos trasladando un relato incompleto da nosa historia.

Actividades

O proxecto inclúe unha serie de actividades que buscan coñecer a figura de Cristina de Pizán, fomentar o espírito crítico e o debate en materia de igualdade e coñecer o patrimonio de proximidade. A proposta consta dunha xuntanza con Cristina e, posteriormente, unha saída en forma de visita caracterizada pola contorna do centro onde se desenvolva o encontro.

Guía de excepción, Pizán axudará ás persoas participantes a descubrir o valor patrimonio de pequenos elementos e lugares polos que pasamos no noso día a día, pero que moitas veces nos pasan desapercibidos. Pode que nalgún destes recunchos atopemos historias de mulleres,nomes de lugares, tarefas e oficios tradicionalmente femininos…

Lavadoiros, fontes, muíños, rúas, prazas e ribeiras, fiadas… Son algúns deses espazos que aínda que moitas veces nos pasan desapercibidos, nos falan de esforzo, sacrificio, loita tesón e fortaleza. Estes espazos e as historias das que foron testemuña merecen todo o noso respecto e recoñecemento. Por elo resulta imprescindible que as nosas visitas patrimoniais inclúan e estes contidos, tratados de forma axeitada.

Non concibín este proxecto ligado ao seu desenvolvemento nun lugar concreto, senón que está pensado para adaptalo á realidade de calquera municipio, aldea, parroquia ou barrio no que existe interese. Está principalmente enfocado a centros educativos (os propios coles/institutos ou as súas ANPAS), asociacións culturais ou veciñais, comunidades de montes, etc. e pode programarse como actividade escolar (alumnado e profesorado) ou ben aberta a familias.

Cristina de Pizan en Oia

Este proxecto paseou por primeira vez á acción en Oia, onde en 2023 desenvolvimos actividades en dous lugares: un núcleo na zona de costa (O Arrabal, parroquia de Santa María de Oia)  e outro na zona de interior (Torroña, parroquia de Burgueira).

No conxunto do proxecto desenvolvemos actividades como encontros con Cristina e visitas caracterizadas percorrendo os barrios do Arrabal, A Riña e Chavella. O itinerario incluíu distintas paradas nas que o alumnado participante (CEIP Mestre Manuel García) puido comprobar a dureza dalgunhas tarefas e reflexionar e debater sobre se a situación das mulleres ten mellorado ou non co paso do tempo. E si se pode (e como) seguir mellorando en materia de igualdade.

Tamén desenvolvemos un obradoiro infantil de traballos manuais, como tributo a mulleres destacadas da historia que non foron recoñecidas na súa época. E a esta homenaxe démoslle forma da Cidade das Mulleres soada por Cristina na súa obra escrita entre os anos 1404 e 1405. Quedounos pendente a visita guiada-caracterizada por Torroña, un luar cun legado verdadeiramente marabillosa e con moitas historias en feminino as que dar voz… A chuvia e o vento impedíronnolo, pero quen sabe se nun futuro xorde unha nova ocasión para facela!

Desde Amodo Turismo quero dar as grazas ao Concello de Oia, colexios locais e persoas implicadas para que o proxecto puidese levarse a cabo ao longo do ano 2023. E, por suposto, tamén á Deputación de Pontevedra, que seleccionou o proxecto de Oia dentro da súa liña de axudas en materia de igualdade. A iniciativa tivo tamén unha boa acollida nos medios de comunicación, así que aproveito tamén para darlles as grazas por crer nesta idea.

O proxecto nos medios (Faro de Vigo, Infogauda, Telemariñas e Infomiño).

Cristina quiere conocer a rúa vila

Tras esta primeira posta en práctica do proxecto en Oia, neste ano 2024 Cristina de Pizán está desexando descubrir máis lugares e historias de mulleres, así como coñecer a realidade actual da man dos seus protagonistas: as nenas e os nenos. Só así poderá comprobar se é factible es cidade coa que tanto soñou…

As actividades deste proxecto son adaptables segundo as necesidades de cada entidade organizadora e o lugar no que queira desenvolvela. Se queres que Cristina de Pizán visite o teu territorio podes contactarme para máis información.

Traballo manual en Oia, construíndo a Cidade das Mulleres de Cristina de Pizán a partir dunha ilustración da obra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *