Coñece Oia con Cristina de Pizan

Obradoiro infantil “Coñece Oia con Cristina de Pizan” o 28 de decembro en Torroña

Cristina de Pizan, excepcional muller que viviu na Francia do século XV e que está considerada a primeira muller escritora profesional da historia, estará este Nadal en Oia para descubrir o patrimonio local así como as historias doutras mulleres relevantes en distintos campos do saber. Todo isto coñecerao xunto a rapazada local, a través de diversos traballos manuais nun divertido obradoiro infantil.

Cristina de Pizan, excepcional muller que viviu na Francia do século XV e que está considerada a primeira muller escritora profesional da historia, estará este Nadal en Oia para descubrir o patrimonio local así como as historias doutras mulleres relevantes en distintos campos do saber. Todo isto coñecerao xunto a rapazada local, a través de diversos traballos manuais nun divertido obradoiro infantil.

A actividade desenvolverase nas Escolas de Torroña (Oia) o día 28 de decembro en horario de 10 a 13 horas e vai dirixida a público infantil a partir dos catro anos. O prazo de inscrición está aberto ata o 22 de decembro.

Trátase dunha actividade gratuíta, organizada polo Concello de Oia e financiada a través das subvencións á igualdade da Deputación de Pontevedra. Para participar cómpre inscribirse no rexistro do Concello de Oia de xeito presencial ou ben a través da sede electrónica (instancia xenérica indicando a actividade).

As actividades: visita por Torroña, xogos e traballos manuais

Durante o obradoiro, a rapazada poderá coñecer figura de Cristina de Pizan, autora dunha obra titulada “A cidade das mulleres” que, xa no século XV, rexeitaba a discriminación que sufrían as mulleres en moitos ámbitos da vida e reivindicaba a igualdade de trato e oportunidades.

A través de traballos manuais, a cativada irá construíndo esa cidade que Cristina soñou alá polo ano 1404. Pero a cousa non será tan doada… Nunha cidade medieval como na que viviu Cristina fai falla levantar unha muralla e, para poder construír os seus alicerces, as nenas e nenos deberán saír a buscar o material polos camiños de Torroña.

Así, partindo las Escolas, o grupo fará un pequeno percorrido(*) a modo de paseo guiado no que, xunto á propia Cristina de Pizan, irán descubrindo diferentes elementos do patrimonio local: fontes, lavadoiros, muíños… En cada parada deberán atopar obxectos agochados e experimentar algúns dos duros traballos que facían as mulleres neses lugares. Así mesmo, o grupo irá coñecendo a vida e o legado dalgunhas “mulleres que fixeron historia” e que, ao igual que fixo Cristina de Pizan, conseguiron desafiar as limitacións que se lles impuñan no seu tempo.

Todo este material recollido durante o percorrido servirá para facer un traballo manual colectivo: o gran mural da “Cidade das Mulleres” de Cristina de Pizan: unha homenaxe que sirva para recuperar a memoria de todas aquelas que non foron recoñecidas nin visibilizadas ao longo da historia pese ao seu esforzo, sacrificio e logros acadados.

(*) En función da meteoroloxía o percorrido poderá reducirse ou, se chove, mudarse por actividades equivalentes no interior das Escolas de Torroña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *