Ola!

Son Patricia, guía oficial de turismo afincada en Oia (Pontevedra). Grazas por dedicar algo do teu tempo a saber máis sobre as miñas visitas guiadas. 

Deste xeito saberás quen anda detrás deste proxecto e poderás decidir Se inclúes as propostas de Amodo Turismo nos teus plans de viaxe e ocio polo Baixo Miño. Sorprenderate este recunchiño do sur de Galicia cheo de historia, maxia e encanto.

Que é Amodo Turismo?

Amodo Turismo para descubrir é o meu proxecto de visitas e paseos guiados para coñecer o patrimonio e a vida no rural.  En cada percorrido mostrareite os espazos máis fermosos do Baixo Miño, o lugar onde tiven a oportunidade de “perderme” para acabar “atopando o meu sitio” no mundo.

Viaxaremos por un territorio onde historia e natureza se funden para crear unha paisaxe única enmarcada polas augas do Miño e o Atlántico. Sendas, bosques, pozas, fervenzas, miradoiros, aldeas, muíños, castros, fortalezas… sairannos ao paso para agasallarnos coas antigas historias arredor das que se forxou este lugar privilexiado.

As visitas guiadas de Amodo Turismo son moito máis que compartir a esencia do territorio que se converteu no meu fogar. Cada ruta bríndame a oportunidade de gozar da túa compaña, intercambiar experiencias e reflexionar sobre os xeitos de acadar un futuro sostible.

En definitiva, Amodo é Turismo para descubrir.

Pero… quen é Patricia e como xurdiu Amodo Turismo?

Patricia Muñoz Raña
Patricia Muñoz Raña

Guía oficial de Galicia

Viguesa de nacemento (nunca me esquezo de dicilo). Son Licenciada en Xornalismo e Máster en Planificación e Dirección de Turismo. Conto con formación na disciplina da interpretación do patrimonio e estou habilitada como guía oficial de Galicia (número GT-748-XG) e Guía do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia (Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora)

 

Xornalista e comunicadora

Despois de traballar como xornalista en Vigo durante varios anos, a vida me pedía un cambio e decidín facerlle caso. Cambiei a cidade pola aldea e, desde Oia, comecei a traballar en proxectos relacionados co patrimonio, a comunicación turística e o turismo cultural.

Namorada do rural

Foi entón cando descubrín a fondo toda la riqueza que hai no rural. Ao tempo que a ía investigando, decateime de canto gozaba compartindo e comunicando estas cousas a través de actividades didácticas e divulgativas, obradoiros para diversas idades e visitas guiadas para todos os públicos.

Sempre "amodiño"

Pouco a pouco decidín poñer en marcha o meu propio proxecto, unha marca baixo a que traballar como a min me gusta: de vagar, parándome nos detalles e buscando experiencias personalizadas en grupos pequenos