Curro da Valg,a, Oia, Baixo Miño, Galicia

Viaxa ao corazón dos curros (rapa das bestas)

Os curros de Oia darán este ano un paso máis na súa posta en valor, converténdose nunha completa experiencia participativa a través da que achegarse a unha das tradicións máis emblemáticas e ancestrais da Serra da Groba. Viaxar ao corazón dos curros será posible nas citas da Valga, Torroña e Mougás, lugares que acollerán a programación de actividades pensadas para todos os públicos, combinando lecer, educación patrimonial e conexión co territorio.

A iniciativa “No corazón dos curros” está impulsada polo proxecto local Amodo Turismo, baixo a marca Saberes do Monte e coa colaboración do Concello de Oia e das asociacións de gandeiros dos curros da Valga e da Groba. A través desta proposta, as persoas participantes poderán coñecer de maneira activa e amena os distintos saberes e o profundo arraigo cultural das rapas das bestas nesta zona.

Os tres curros contarán cun programa común de obradoiros, ao que se sumarán algunhas propostas específicas en cada localización e visitas guiadas.

Obradoiros gratuítos e para todos os públicos

Como cada ano,o curro da Valga abrirá a tempada o segundo domingo de maio (día 10). Entre as 15.00 e as 17.00 horas, antes do comezo da rapa, desenvolveranse obradoiros de calcomanías coas marcas das burras, calco de figuras de petróglifos de cabalos mediante a técnica do frottage e gravado de petróglifos en arxila.

No caso do curro de Torroña, que terá lugar o 7 de xuño, no mesmo horario ofreceranse as actividades de calcomanías, calco de petróglifos e un obradoiro de elaboración de pequenos coxíns (alfineteiros) recheos de crinas, achegando así materiais e saberes vinculados con esta tradición.

Pola súa banda, o curro de Mougás, previsto para o 14 de xuño, completará a programación con obradoiros de calcomanías, calco de petróglifos e unha actividade singular de elaboración de tinta natural. Ademais de fabricar a tinta tal e como se facía séculos atrás, as persoas participantes poderán practicar a escritura da palabra “curro” empregando as mesmas técnicas e logrando os mesmos acabados que se conservan na documentación histórica.

Todos os obradoiros son gratuítos e abertos a persoas de todas as idades. Para participar será preciso achegarse ao posto de Saberes do Monte instalado en cada curro, podendo acceder ás actividades por orde de chegada e ata esgotar o material dispoñible.

Visitas guiadas aos curros de Oia

Ademais dos obradoiros, a  programación tamén incluirá visitas guiadas que, nos casos de Torroña e Mougás, se celebrarán o mesmo domingo de cada curro ás 11.00 horas. Esta actividade ten un custo de 12 euros para persoas adultas (con tarifas reducidas para público infantil) e require inscrición previa a través do teléfono/WhatsApp de Amodo Turismo: 677 783 296.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *